Solicitan ao resto dos grupos con representación municipal o seu apoio para instar á Xunta a que retire a orde publicada en setembro e na que regula se regula e restrinxe o dereito de acceso á asistencia sanitaria para as persoas sen recursos económicos suficientes e para as persoas desempregadas.
Un texto que segundo lembra o BNG reduce as prestacións ás que teñen dereito os parados. Así as persoas afectadas por este decreto só teñen dereito, previo compromiso de pago, á atención de urxencias e emerxencias, é dicir , perden o dereito á sanidade pública universal, fican sen médico de cabeceira, sen probas diagnósticas nin especialistas e, non teñen, en definitiva, asistencia sanitaria completa. Estas persoas quedan tamén sen a asistencia farmacéutica até que volvan a ter todos os papeis en regra para volver estar de alta.
Todas as persoas afectadas terán ademais a obriga de solicitar unha tarxeta de persoas sen recursos mais esa solicitude pode tardar en aprobarse entre oito e dez meses, polo que durante todo ese tempo permanecerán sen asistencia gratuíta.
Unha orde que o Bloque cualifica de “totalmente inxustificada, inhumana e desoladora, xa que vulnera os dereitos básicos da cidadanía e rompe os principios de universalidade e equidade da Sanidade Pública”
Por este motivo solicitan o apoio do pleno da corporación para demandarlle á Xunta que retire de “xeito inmediato” esta normativa e que se restitúan todos os dereitos das persoas que foron prexudicadas reactivando as tarxetas anuladas.