Os grupos políticos amosaron a súa aposta polo tren de proximidade e apoiaron unha moción de AER en contra do levantamento das vías na parroquia de Chapela ata que non exista un servizo de proximidade ou rexional asegurado, así coma o compromiso en firme de contruir unha estación ou apeadoiro en Chapela.
O futuro da comunicación por ferrocarril volveu ter o seu oco na sesión plenaria celebrada onte e que arrancou precisamente coa lectura dun escrito asinado por 30 colectivos sociais e veciñais no que expresaban o seu rexeitamento ao levantamento das vías do tren en Chapela e reclamaban de Fomento que se aposte por unha ferrocarril que dea servicio a toda a comarca. Un tema que sería debatido pouco despois a raíz dunha moción presentada pola Agrupación de Electores na que solicitaban instar a Fomento a manter as vías mentres non exista un servizo de proximidade asegurado e un apeadeiro en Chapela así como a que se modifique o proxecto da Estación de Urzaiz para que sexa intermodal e que albergue a posibilidade da chegada do tren de proximidade (en superficie ou subterráneo dende Guixar), ademais de incluír o resto dos modos, como autobús interurbano, bicicletas ou taxis. Dende o BNG amosaron o seu apoio a loitar por unha estación na vía de abaixo e sumar forzas en defensa do servizo de ferrocarril, pero insistiron en que non é lóxico pedir que a estación de Urzaiz acolla o tren de proximidade porque as cuestións técnicas “fano inviable”. Opinión semellante era a defendida dende a bancada socialista. O seu voceiro, Luís Orge, apuntaba que xa existe unha partida aprobada e publicada no BOE polo Ministerio de fomento para estudar a instalación dun apeadeiro en Chapela pero que deberá ser o goberno entrante quen resolva o futuro do AVE. Dende o PP resumíase a intención de todos os grupos de defender o tren de proximidade e sumábanse á moción de AER que finalmente foi aprobada.