As veces os políticos póñense de acordo independentemente da cor das súas formacións. Iso é o que ocorreu en Redondela no último pleno municipal cando se abordou a necesidade de incrementar os medios que dende o goberno da Xunta e o goberno central se destinan ás políticas contra á violencia de xénero.
PP e BNG presentaron dúas mocións diferentes, pero ambas as dúas encamiñadas a demandar tanto á administración galega coma á estatal que se incrementen ou cando menos se manteñan os recursos humanos e económicos que se destinan ás políticas en favor das vítimas da violencia de xénero. Os nacionalistas poñían o acento na necesidade de evitar que a crise económica afecte aos orzamentos destinados ás mulleres vítimas desta violencia a mans das súas parellas ou ex parellas e se solicitaba a creación do Observatorio Galego contra a violencia de xénero, un órgano institucional que debería encargase do estudo, avaliación e seguimento das políticas de violencia de xénero, así como a posta en marcha do Centro de Recuperación Integral das vítimas e que dende a administración autonómica se faga unha planificación para a realización de campañas periódicas de sensibilización contra a violencia de xénero. Dende o Partido Popular a actual concelleira da Muller, Teresa París falaba dos importantes pasos dados na materia pero tamén da necesidade de desenvolver e afondar nas leis existente tanto a nivel galego como estatal en materia de prevención. Ambas as dúas mocións saíron adiante co apoio unánime de todos os grupos con presenza na corporación, xa que os concelleiros de PSOE e AER votaron tamén a favor das propostas.