Manuel Somoza é todo un clásico en festas e verbenas a onde leva os seus contos humorísticos dende hai 25 anos. Asegura que neste tempo non modificou un ápice o seu estilo e que os únicos cambios redúcense a variar pequenos detalles, como por exemplo cambiar o nome do político de momento ou adaptar o contido do chiste á actualidade da vila na que estea a actuar. O público poderá comprobalo o sábado ás 19:00 horas no Auditorio.
Todo un arte o de facer rir no que Somoza se iniciara no ano 1986 cando decidiu probar sorte no televisivo programa O Mellor que presentara no seu día na TVG o escritor Manolo Rivas. A partir dese intre converteuse en todo un especialista que actúa habitualmente en festas da comarca e en diferentes concellos de Galicia e que incluso chegou a actuar en Barcelona, Andorra. Bos Aires ou Lisboa. Non ten dúbida en canto aos seus referentes: os grandísimos Gila e Eugenio, e se ten que elixir prefire actuar ante un auditorio con maior presencia feminina xa que asegura que as mulleres son mellor público que os homes. Apunta tamén que en xeral os políticos reciben ben as críticas, “de feito só un alcalde se enfadou por un chiste meu, pero prefiro non dicir o nome”. A política de seguro que volverá ser un dos argumentos dos contos que se poderán escoitar este sábado no Multiusos, nunha actuación que arrancará ás 19:00 horas e onde haberá sorpresas coa presenza da música e doutros cómicos que se subirán ao escenario. A entrada é de balde.