A tendencia en toda a comarca e en toda a área metropolitana apunta a un crecemento demográfico paulatino xa que no último ano os municipios de área de influencia de Vigo sumaron 1.173 novos habitantes. Unha tendencia que Redondela non comparte, xa que no noso concello o INE constata unha diminución no número de veciños en 61 persoas.
Redondela e Nigrán son os únicos municipios de toda a contorna que perden poboación segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). Unha tendencia á baixa que contradí o que acontece no resto dos concellos de toda a área metropolitana e mesmo da nosa contorna, xa que tanto Soutomaior como Pazos de Borbén e Fornelos revelan un ascenso na súa poboación.
Soutomaior é o que experimenta un maior incremento con 79 novos veciños situándose o Padrón municipal en 7.223 persoas. Tamén hai un notable incremento en Pazos de Borbén con 33 novos empadroados. Máis modesto o incremento detectado en Fornelos de Montes con seis veciños máis situándose o total en 2002.
O único concello que non presenta un saldo positivo en toda a comarca é Redondela, onde a pesar de manterse o censo por riba da psicolóxica cifra dos 30.000 habitantes (son 30.006 os empadroados) experimentouse unha diminución notable ao perder 61 habitantes. E unha lectura máis pormenorizada destes datos constata que as mulleres seguen a ser máis numerosas que os homes, 15.297 fronte a 14.709.
En canto á ara metropolitana Vigo é a cidade galega na que nacen máis nenos e a que presenta un saldo vexetativo máis positivo. A poboación de toda a área metropolitana elévase xa a 480.459 persoas e o aumentos experimentado con respecto ao 2010 débese sobre todo ao comportamento de municipios como Salceda de Caselas e Cangas que gañan respectivamente 217 e 208 veciños.