O alcalde de Redondela Javier Bas renunciou a acudir aos xulgados, logo de que a voceira do BNG o acusara de “vender postos de traballo a cambio de votos”, porque os dous avogados aos que consultou lle advertiron que ningún xuíz admitiría a denuncia por tratarse de “acusacións emitidas en campaña electoral”.
Os feitos producíronse no debate electoral organizado pola Radio Municipal de Redondela no pasado mes de maio, pero volveron a actualidade logo de que a Agrupación de Electores lle solicitara ao alcalde que dera unha explicación á cidadanía sobre ese asunto. O edil de AER, Jorge Varela Chopi explicaba no pleno de onte que a gravidade das acusacións vertidas pola nacionalista Cecilia Pérez Orge esixían unha explicación xa que ou ben “alguén se aproveitou da súa posición para negociar votos por favores ou alguén utilizou a mentira e tentou enganar ao pobo para conseguir interese electorais.Javier Bas reiterou que as acusacións eran totalmente falsas pero que non acudiu aos xulgados logo de consultar a varios avogados que lle manifestaron a improbabilidade de que un xuíz admitira a trámite a denuncia tendo en conta que se trata de “acusacións non delitivas e permitidas en campaña electoral”.Con todo, asegurou que os feitos demostran que ditas acusacións eran falsas xa que dende a súa chegada a alcaldía “todas as contratación se fixeron con total transparencia” e que no goberno ninguén contratou xamais a ninguén a dedo.