Os redondeláns comezaron o ano cun tropezo no campo do Barbadás, pero confían en facerse fortes na casa e superar ó conxunto da Illa de Arousa. Será un duelo ó máis alto nivel da categoría, xa que o Céltiga ocupa a terceira praza da Preferente Sur, só un punto por detrás dos redondeláns.
Este 2012 non comezou ben para o Choco, que caeu derrotado no campo do Barbadás. O 4-1 que reflectiu o marcador ourensán podería resultar algo “excesivo”, segundo o adestrador Jacobo Montes, aínda que o técnico recoñece que o rival “foi superior”. Montes lamenta a perda do liderado, que agora ostenta o Arousa, e xustifícao polo “esforzo” que supón o arranque da liga logo do parón do Nadal. Con todo, sinala que o obxectivo prioritario do club, que é garantir a categoría “estase a cumprir”, cun balance “moi positivo”Unha vez máis o técnico amósase moi prudente en canto ás aspiracións do equipo, e agarda a ver os resultados do mes de xaneiro, cando comeza a segunda volta, para poder marcar obxectivos “máis ambiciosos”. O futuro inmediato pasa polo partido que este domingo van disputar co Céltiga. O resultado determinará en boa medida como vai quedar a cabeza da liga, xa que os da Illa son terceiros, tan só un punto por detrás do Choco, que é segundo, a un punto do Arousa, actual líder. Montes recoñece que será un rival “duro”, e que o equipo deberá traballar moito, “sobre todo no aspecto defensivo”, xa que o Céltiga é o equipo máis goleador da categoría, e crea moitas ocasións. No conxunto redondelán agardan que neste partido Santa Mariña volva ser “un fortín” e sacar un resultado positivo para rematar a primeira volta en postos de ascenso.