O arqueólogo Xurxo Constenla confía en que a aula de interpretación da batalla, que se vai construír respectando a estrutura antiga da Fábrica do Alemán, abra as súas portas ao público no prazo dun ano. A Asociación Cultural de Rande e os responsables municipais aceleran as negociacións para adaptar o proxecto inicial aos 1,1 millóns de euros de financiamento comprometidos no Plan Marisma Máis.
Aínda que a cantidade económica contemplada no proxecto inicial era algo maior, Constenla confirma que o 1’1 millóns de euros que se investirá neste proxecto a través dos fondos europeos Feder e o propio concello permitirán desenvolver a aula de interpretación na súa totalidade. As negociacións orientadas a reducir as necesidades económicas afectan sobre todo ao deseño do museo, en mans do arquitecto Carlos Fálagan, pero permitirán en calquera caso acondicionar un edificio de estrutura modular nun terreo de 2.500 metros cadrados xa cedido pola Autoridade Portuaria ao concello de Redondela e conservar a estrutura da antiga nave industrial da Fábrica do Alemán.Os módulos que conformen o edificio serán empregados como aula de interpretación, onde se pretende recrear diferentes temáticas como a batalla de Rande ou a busca do tesouro, con actividades interactivas como xogos, maquetas ou paneis informativos.Un proxecto que parte da base de crear un parque etnoarqueolóxico e cuxa viabilidade no futuro non debería ser un lastre económico para o concello por tratarse dunha superficie reducida se a comparamos con outros espazos museísticos. Pola contra, a súa situación xeográfica debería converter ao museo nun foco de atracción turística.Entre os asuntos por resolver atopamos os accesos, que a día de hoxe son precarios. Con todo, entenden na Asociación Cultural de Rande que o seu acondicionamento beneficiará non só ao museo senón a todos os veciños da zona que demandaban melloras neses viais.