Aseguran que nos últimos oito meses de mandato, o PP incumpriu xa “por dúas veces o acordo que fixa a celebración dos plenos ordinarios cada dous meses” non celebrándose as sesións de agosto e decembro como correspondería. A convocatoria dos plenos de xeito bimensual fora imposta polo propio PP a pesar da negativa do BNG quen entende que esta periodicidade fai que “moitos asuntos a tratar perdan a súa actualidade”.
Os nacionalistas critican que a non convocatoria dos plenos estalles a impedir exercer o seu labor de oposición e o seu “dereito e deber de control da acción de goberno e de achega de alternativas e melloras”. Entenden que este comportamento por parte do PP forma parte dunha estratexia que busca “escapar ao control democrático”. Lembran dende o BNG que ademais de impor a celebración dos plenos cada dous meses xa non seu momento o goberno local adoptara outra medida “contra toda lóxica e contra o parecer do resto da Corporación” establecendo a celebración dos plenos os martes ás 13:30 horas o que fai practicamente imposible a asistencia dos veciños e veciñas aos mesmos. Critican tamén que se impedira a presenza de membros da oposición na Xunta de Goberno que, co apoio exclusivo do PP con maioría neste municipio, recibiu todas as competencias do Pleno que a lei permite. Unha situación que se traduce segundo explican dende o Bloque que “os populares estean a xestionar en solitario e sen testemuñas a inmensa maioría dos asuntos”.