A factura da luz poderá volver ser bimestral e a basearse na lectura real dos contadores, unha decisión que reciben con satisfacción os veciños de Redondela. Con este cambio o Ministerio de Industria persegue o obxectivo de que os usuarios paguen “só polo que consumen”. Os redondeláns rexeitan a facturación mensual porque supón que nun dos meses o cobro faise cunha lectura “estimada”, o que en moitos casos leva ó consumidor a “adiantar cartos por unha enerxía que non utilizaron”.
O recibo da luz poderá volver ser bimestral e a basearse na lectura real dos contadores. O obxectivo deste cambio é que o consumidor pague “só polo que consume”, segundo informa o proxecto de real decreto remitido polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo á Comisión Nacional da Enerxía (CNE). Con esta norma, o Goberno acabará co sistema aplicado desde setembro de 2008, en virtude do cal o recibo de luz págase mensualmente a pesar de que a lectura se realiza cada dous meses, de forma que unha das dúas facturas calcúlase a partir de estimacións. O sistema aínda en vigor xerou un importante número de reclamacións por parte dos consumidores debido á complexidade asociada ás regularizacións dos consumos. Por iso os consumidores en xeral aplauden a medida do cambio. Tamén en Redondela, onde veciños como Gustavo entenden que ó importante, á marxe de que o recibo chega cada mes ou cada dous meses, é que se pague “polo consumo real”, e non por unha estimación da compañía eléctrica. O maior problema que ven os veciños é que coa modalidade actual “sempre se lle adiantan cartos á empresa eléctrica”, tal e como apunta Carmen, quen asegura está “totalmente en contra de pagar por adiantado” por un consumo que aínda non realizou. No entanto, os consumidores que o desexen poderán manter o sistema de facturación mensual que se introduciu hai máis de tres anos. Ademais, a normativa incorpora a posibilidade de que os usuarios poidan achegar a lectura do seu propio contador eléctrico. Unha opción interesante, segundo Delio, porque permite pagar a factura cada mes “pero co consumo real que cada quen pode ler no seu contador”. Esta posibilidade de lectura do propio contador xa existe noutras subministracións como o gas ou a auga.As organizacións de consumidores aplauden o proxecto. Tanto a Federación de Usuarios e Consumidores Independentes (FUCI), como a Confederación de Consumidores e Usuarios (CECU) mostraron a súa satisfacción porque se accedeu a unha demanda que viña facendo practicamente desde que se cambiou o modelo de facturación en 2008.