Hoxe é Domingo 24 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Mestres, pais e alumnos de Redondela rexeitan a nova reforma educativa do goberno

RR_Noticias

O ministro de Educación, José Ignacio Wert, anunciou unha nova reforma do sistema educativo que supón, como puntos máis destacado, a redución da ESO a tres cursos e ampliación un ano máis, até tres, do Bacharelato e a FP. En Redondela mestres, pais e alumnos consideran a reforma “innecesaria e sen sentido” ao tempo que reclaman máis recursos para o ensino público.

A comunidade educativa amósase “desconcertada” ante o anuncio do ministro de Educación, José Ignacio Wert, de facer a enésima reforma educativa. Os cambios, segundo o ministro, afectarán sobre todo o ensino secundario, coa eliminación de 4º da ESO e a ampliación dun ano no Bacharelato e a FP. A sociedade, en xeral, non comparte a necesidade da reforma, e cuestiona que cada cambio de goberno implique unha modificación do sistema educativo. Para Pastora a educación debería ser “intocable”. Coa proposta do ministerio o último curso do ensino obrigatorio, que se mantén até os 16 anos, “orientará” aos alumnos á FP ou a continuación dos estudos de Bacharelato. Segundo Wert isto suporá unha mellor preparación dos alumnos e a redución do abandono escolar prematuro. Unha idea que non comparten mestres, pais e alumnos de Redondela. Concha e Rosa, que teñen fillos cursando a ESO, aseguran que a medida “non evitará o fracaso escolar”. A mesma opinión teñen os alumnos que agora cursan a ESO ou o Bacharelato nos institutos de Redondela. Para Sergio e Hugo, do IES Mendiño, o cambio “non ten moito sentido”, xa que os cursos de ensino obrigatorio serán os mesmos, e non se evitará o abandono daqueles que non queren seguir estudando. Iris e Maite, do IES Illa de San Simón, entenden que o cambio “é unha parvada” e que o ministerio debería dedicar os seus esforzos a “mellorar as dotacións” dos centros e “aumentar o número de mestres”. Desde a dirección do IES San Simón, Manoli del Palacio entende como algo negativo que se fagan reformas educativas “cada catro anos” e asegura que esta “non resolve o problema do fracaso escolar na ESO”, que se dá no segundo curso do ciclo. Lamenta tamén que as decisión das distintas administracións estean encamiñadas a “deteriorar” o ensino público, con recortes “nos orzamentos dos centros, no número de mestres e nos salarios”. Outra das novidades expostas polo ministerio é a desaparición da controvertida materia de Educación para a Cidadanía, que será substituída por Educación Cívica e Constitucional. José Ignacio Wert xa anunciou que lle parece un obxectivo “razoable” que o novo modelo educativo se poña en marcha para o curso 2013. Unha reforma educativa que será a oitava desde 1970.  

Pastora
Esta veciña que con cada cambio de goberno se modifique o sistema educativo.
Concha e Rosa nais de alumnos
Os pais de alumnos da ESO aseguran que a reforma non evitará o abandono escolar.
Iris e Maite alumnas do IES Illa San Simón
Para os estudantes a reforma non ten sentido e reclaman melloras nas dotacións dos centros.
Manoli del Palacio directora do IES Illa San Simón
Del Palacio lamenta os continuos cambios no sistema educativo e advirte que esta reforma non evitará o fracaso escolar na ESO.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará