De inxusta, ineficaz e inútil cualifican os sindicatos a reforma laboral do goberno. CC.OO. e UXT advirten que o abaratamento do despido só xerará máis paro. En Redondela son moitos os veciños que comparten esta impresión, e que lamentan que o executivo de Rajoy lle dea “todo o poder ós empresarios”, que terán máis facilidades para rebaixar salarios e despedir ós traballadores.
“Inxusta” para os traballadores, “ineficaz” para a economía e “inútil” para crear emprego. Así definen os sindicatos a reforma laboral do goberno de Mariano Rajoy. Entre as novidades máis importantes da reforma está o abaratamento do despedimento, que se realizará por diferentes vías. A principal delas será que será moito máis fácil poder recorrer ao despedimento procedente, que ten unha indemnización de 20 días por ano traballado cun máximo dun ano de salario. Ademais o empresario poderá rebaixar o soldo dos traballadores por razóns de competitividade ou produtividade, sen necesidade de acordo. En sinal de protesta milleiros de persoas manifestáronse o pasado domingo, convocadas polos sindicatos. A vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, explicou que a reforma “fomenta a contratación” ao “flexibilizar” as condicións laborais das empresas para evitar o despedimento. Pola súa banda, a ministra de Traballo, Fátima Báñez, asegurou que a reforma se deseñou “pensando nos cidadáns que están no paro e sobre todo nos mozos”. Pero a maioría da sociedade a rexeita, tamén en Redondela. Veciños como Manolo entenden que é a “reforma do despedimento”, e que provocará máis paro, ao tempo que denuncia que o goberno “só beneficia ó empresario”. Unha opinión que tamén comparte Rosa, que cualifica a reforma de “inxusta” ó darlle á patronal todo o poder “para despedir a quen queira”. Carmen vai máis aló e define a reforma laboral como unha “sinvengüencería”, xa que dá todo o poder ós empresarios. Darío, empregado da hostalaría, tamén está convencido de que a reforma “levará máis xente ó paro”. Con todo, hai opinións diferentes, como a de Iago, que entende que a reforma será positiva xa que os traballadores serán “máis produtivos”. Este mozo redondelán denuncia que hai moitos empregados “acomodados” que non cumpren coas súas obrigas, e que á reforma sería máis efectiva se afectase tamén ós funcionarios. Proposta da CEOE Desde a patronal amosáronse satisfeitos coa reforma laboral do goberno popular, e mesmo pretenden endurecer algúns aspectos. O presidente da Comisión de Economía e Política Financeira da CEOE, José Luís Feito, expuxo que os parados poidan deixar de cobrar a prestación por desemprego no momento en que rexeiten a primeira oferta de traballo. Unha posibilidade que veciños de Redondela como Arximiro cualifican de “barbaridade”, xa que pode darse o caso de que a primeira oferta laboral “non sexa axeitada”. A lexislación actual xa contempla que se lle retire o subsidio ao beneficiario cando rexeita tres ofertas de traballo, o que entende que é máis xusto. Outros veciños, como Carmen, apuntan que habería que valorar cada caso, porque aínda que recoñece que hai xente cobrando a prestación “que non quere traballar”, noutros casos as ofertas rexéitanse porque as condicións laborais non son boas. Para Carmen, se o emprego é lonxe, ou cun salario máis baixo que a prestación, “é normal que o parado o rexeite.”