A moción presentada pola Agrupación de Electores na que demandaban unha serie de medidas na contorna da rotonda da A-9 nas inmediacións do Centro de saúde de Chapela de cara a incrementar a seguridade vial na zona saíu adiante cos votos a favor de PP e PSOE e a abstención do BNG.
AER denunciaba na súa moción as graves carencias que presenta esta rotonda o que dificulta o paso de peóns polo lugar, a pesar de atoparse nunha zona onde se concentran un número importante de servizos e a pesar das demandas reiteradas dos veciños dende hai dez anos. Por este motivo solicitaban unha serie de obras consistentes en dar continuidade ás beirarrúas 200 metros antes e despois da rotonda, colocar pasos de peóns na entrada da autoestrada AP-9 e incrementar a seguridade dos peóns mediante semáforos. Unha solicitude que non contou co apoio do Bloque. Argumentaba Cecilia Pérez Orge a súa abstención por non estar de acordo con algún dos puntos presentados na moción, nomeadamente coa petición de que “se retranquen as beirarrúas para todas de máis aparcamentos a avenida”. Si votaron a favor os socialistas, aínda que con dúbidas sobre a posiblidade de financiar as obras demandadas. Unhas reticencias que Jorge Varela botaba por terra alegando que “as obras son competencia de Fomento e que polo tanto o custe para o Concello é cero”. Os populares comprometéronse a facer as xestións necesarias ante o Ministerio aínda que puntualizando que “as demandas neste sentido son moitas, afectan a varias parroquias e isto obrigará a establecer prioridades e a elaborar un calendario de actuacións”.