O goberno en minoría do PP non foi quen de evitar que saíra adiante unha moción contra a reforma laboral presentada polo BNG. Un debate que trasladou a corporación local os posicionamentos xa coñecidos das diferentes forzas políticas respecto da reforma aprobada polo executivo de Mariano Rajoy.
A iniciativa partiu dos nacionalistas que pedían o apoio do restos dos grupos para lle solicitar ao goberno central a derrogación da reforma argumentando entre outras cuestións que a norma “socava as bases sobre as que se asentaban as relacións laborais, contendo medidas concretas que, xa desde a súa entrada en vigor, limitan os dereitos dos traballadores”. Lembran ademais que o propio goberno de Mariano Rajoy confirmou que estas medidas “non contribuirán de xeito directo a xerar emprego nin a mellorar a estabilidade laboral das persoas que na actualidade ocupan postos de traballo en precarias condicións” o que demostra, ao seu entender, que o “verdadeiro propósito do Goberno actual consiste en empregar a crise económica como pretexto para atacar os dereitos dos traballadores rebaixando as súas condicións laborais”. Cecilia Pérez Orge engadía que esta reforma “ben amosar o modelo oculto do PP contra a clase traballadora e a favor dos empresarios co recorte de dereitos que costou moitos anos acadar”. A proposta lograba o apoio de AER e PSOE, a pesar dos intentos dos populares por defender unha normativa que segundo o voceiro do PP, Alberto Pazos, permitirá flexibilizar a relación entre traballadores e empresarios para evitar despedimentos e favorecerá a contratación de mozos menores de 30 anos ou de parados de longa duración grazas ás bonificacións fiscais establecidas na reforma. Unhas afirmacións que rexeitaron os socialistas. Luís Orge aseguraba que a reforma laboral “en ningún caso vai estimular nin o emprego nin a economía e que só vai prexudicar os intereses dos traballadores”. Contundente tamén se amosaba o representante da Agrupación de Electores, Jorge Varela “Chopi” ao definir a norma cono “un ataque contra a clase traballadora”. Finalmente os votos conxuntos de BNG, PSOE e AER permitiron sacar adiante a moción contra a reforma laboral a pesar do voto en contra do PP.