O empate diante do Ribadumia deixa ós redondeláns con tan só un punto de vantaxe sobre o terceiro clasificado, e máis lonxe do líder, xa son catro puntos os que o separan do Barbadás. Santa Mariña deixou de ser un fortín, e aínda que os de Jacobo Montes dominaron, non tiveron ocasións claras despois do empate para adiantarse no marcador.
Preferente Sur
Choco 1-1 Ribadumia
Reparto de puntos en Santa Mariña que non serve para que os redondeláns se reafirmen na segunda praza, xa que agora teñen ó terceiro, o Céltiga, a tan só un punto. Ademais o liderado, perdido na xornada anterior, está agora aínda máis lonxe, porque o Barbadás non fallou e está a catro puntos. Parte do mérito foi do Ribadumia, probablemente o mellor visitante que pasou esta temporada polo municipal de Redondela. O primeiro tempo aos de Jacobo Montes custoulles facer o seu fútbol. Logo do descanso cambiou a situación cun gol de Yeray no minuto 49, que aproveitou un despexe de Juanjo para marcar o 1-0. Despois o protagonismo sería para o árbitro, que rectificou unha expulsión dun xogador do Ribadumia ao comprobar que non era a segunda amarela. Fernando, que xa estaba no vestiario, regresou ó campo. Nese momento, e co colexiado pedindo perdón polo erro, os visitantes aproveitaron o desconcerto xerado para empatar. Foi o propio Fernando o autor do gol, tras un gran pase en profundidade de Manu García. Era o minuto 59. Na media hora de xogo restante o Choco intensificou o seu dominio, pero xa non dispuxo de ocasións claras para marcar o gol da vitoria. Con este resultado a segunda praza periga, polo que deberán conseguir un resultado positivo en Nigrán, contra un dos pechacancelas do grupo.
Primeira Autonómica
Chapela 1-0 R.Vilariño
O Chapela non deixou escapar os tres puntos diante do pechacancelas, o R.Vilariño. Os redondeláns empatan así a puntos co Sp.Guardés e achéganse ós postos da metade da táboa, onde hai moitos equipos moi igualados. A próxima fin de semana xogan na pista do R.Bahía, da metade alta da táboa.
Segunda Autonómica
R.Bahía 1-0 Arcade
Os de Soutomaior afúndense na clasificación logo de perder diante dun dos seus rivais directos pola permanencia. Salvar a categoría semella cada vez máis complicado para os de Jonathan Álvarez, que a próxima xornada reciben ó conxunto da Lama, outro dos situados na metade baixa da táboa.
Terceira Autonómica
Balaídos 0-2 Choco B
O filial do Choco conseguiu unha vitoria a domicilio no campo do Balaídos, o que lle permite escalar unha posición, ata a 6ª praza. A próxima xornada reciben ó Atl.Matamá, un dos equipos da parte baixa da táboa.
At.Matamá 4-2 Chapela B
Os de Chapela non son quen de saír da parte baixa da táboa. A próxima xornada reciben ó Moledo, penúltimo clasificado do grupo.
Santa Eulalaia 1-1 At. Vilar
Os redondeláns, permanecen na metade da táboa logo do empate no campo do Santa Eulalia. A próxima fin de semana volven xogar fóra e nun campo moi difícil, o do Chaín, segundo do grupo.
Sampaio 2-0 Cesantes
O Cesantes non foi quen de superar ó Sampaio, un dos equipos máis fortes do grupo. A próxima fin de semana recibe ó Praderrei, dous postos por riba dos redondeláns.
Soutomaior descansa
O Soutomaior volve á competición á próxima fin de semana desde a terceira praza. Xogará no campo do Presqueiras, un dos pechacancelas do grupo.
Areas 2-1 Nespereira
Os de Pazos manteñen o 5º posto do grupo malia a derrota no campo do Areas. A próxima fin de semana reciben ó Castelo, da metade da táboa.
Fútbol Sala-Autonómica Sur
Mondariz 3-5 Redondela F.S.
Os de Nolichi impuxéronse na pista do Mondariz, cunha vitoria a domicilio que os deixa na metade da táboa clasificatoria. O próxima sábado xogan no pavillón municipal de Redondela diante dus dos equipos máis febles do grupo, o Valadares (antepenúltimo clasificado).