O Paraxe Chapela segue invicto no seu campo logo de acadar unha nova vitoria esta fin de semana no encontro disputado ante o Inzamac Zamora por 26-23 o que lles serve para seguir mirando cara o ascenso. A SAR a un paso do descenso volvía perder nesta ocasión ante o Cafés Toscaf nun partido que rematou co resultado de 21-23.
Un difícil encontro o disputado esta fin de semana polos chapeleiros, xa que se enfrontaban ao segundo clasificado que, pese a partir coa relativa vantaxe que lles daba estar mellor posicionados na táboa, non foron quen de vencer aos locais. O encontro rematou co resultado de 26-23, unha vitoria que lle permite ao Paraxe seguir mirando á fase de ascenso.
A SAR segue coa súa peregrinaxe particular logo dunha nova derrota no encontro disputado na bomboneira ante o Cafes Toscaf e que rematou co marcador de 21-23. Os de Redondela seguen sen levantar cabeza a pesar de ter mellorado o seu xogo, pero non o suficiente para rabuñar algún dos puntos que tanto necesitan.
Dende a terceira praza da categoría aínda que empatados a puntos cos segundos, o Chapela desprázase na próxima fin de semana ao campo do Seis do Nadal. A SAR, continúa de pechacancelas do grupo e difícil o teñen na súa visita á casa do quinto clasificado, o Calvo Xiria.