O recen nomeado responsable local do BNG de Redondela, Xavier Balsas entende que o proceso interno que está a vivir a formación nacionalista, logo da decisión primeiro de Irmandiños e logo de Máis Galiza de abandonar a Fronte, non terá repercusións no noso concello.
Explica Balsas que as baixas que se puideron producir nas últimas semanas non son “significativas, nin en canto a número nin en canto á propia organización interna da formación” e pon como exemplo o feito de que a elección do Consello Local, celebrada hai tan só un par de semanas, fíxose por unanimidade “o que demostra que non hai especiais discrepancias dentro do Bloque de Redondela”. Engade o responsable local do BNG que os movementos que se están a producir no interior deste partido responden a “un proceso interno lóxico nunha formación democrática” que polo tanto non deberían ter repercusión a nivel local entre os posibles electores, sobre todo, cando aínda quedan tres anos para que se celebren unha novas eleccións municipais onde o electorado”valorará o traballo que estamos a facer na oposición e non o que se vive dentro da organización”. En canto a eventual aparición dun novo partido na esquerda nacionalista en Redondela asumen o factible desa posibilidade que, en calquera caso, non cambiará o xeito de traballo do BNG actual.