En tempo límite o equipo redondelán da Primeira Nacional conseguiu dous importantes recambios logo de numerosas baixas por lesións e a saída de García Lloria para o Octavio. O substituto do porteiro será Jose Cimadevila, procedente do Salnés Meaño, da Liga Autonómica. Do mesmo conxunto chega tamén a Chapela Javier Suárez, xogador da primeira liña. Os dous se estrearán o sábado no partido fronte ó Seis do Nadal.
Traballaron a contra reloxo e conseguiron o obxectivo. A directiva do Paraxe Construcións Chapela ven de confirmar dúas fichaxes xusto na data límite prevista pola Federación de Balonmán para facer contratacións. Nas catro xornadas que restan de liga o equipo de Fran Teixeira poderá contar con dous novos efectivos, Jose Cimadevila Pazos e Javier Suárez. Cimadevila cubre a baixa do porteiro Jorge García Lloria, que por sorpresa deixou o equipo a falta de catro xornadas para rematar a liga. Cando o equipo se xoga o posto pola fase de ascenso e co outro porteiro, Celti, en proceso de recuperación dunha lesión, a chegada de Cimadevila é unha moi boa nova para os de Fran Teixeira. Trátase dun porteiro experimentado, que militou anteriormente nas filas de equipos como Cisne e Teucro. No caso de Javier Suárez trátase dun xogador polivalente, que pode exercer de central ou lateral na primeira liña, e que tamén militou nas filas do Cisne. Deste xeito o reducido cadro de xogadores do Paraxe Chapela gaña un importante efectivo logo dunha negra temporada para as lesións, que deixaron fóra de xogo a Rafa Gestido, Deco e Sergio Cid.
Os dous se estrearán como xogadores do Paraxe Chapela este sábado en Vigo, no partido fronte ó Magope Seis do Nadal.