Carmen Avendaño, coñecida pola súa loita contra o narcotráfico e presidenta da Fundación Érguete visitará Redondela para presentar a curtametraxe “Ni locas ni terroristas”. Este será o primeiro dos actos organizados pola agrupación socialistas no noso concello co gallo do Día Internacional da Muller.
O primeiro destes actos terá lugar o sábado 24 de marzo ás 19:30 horas na Sala do Multiusos da Xunqueira. A presidenta da Fundación Érguete-Integración Carmen Avendaño, presentará a curtametraxe “Ni locas ni terroristas” da directora Cecilia Barriga na que se narra a historia real de 5 nais na súa loita incansable contra a droga e todo o que ésta conleva. Seguidamente haberá una charla-coloquio moderada pola propia Carmen Avendaño, unha das protagonistas da curta.
O domingo 25 ás 19:30 proxectarase a reportaxe documental “As mulleres do mar”, producida por RedondelaTV. Neste documental será a mariscadora Magdalena Ramonet quen nos servirá de guía sobre o íntegro traballo dunha mariscadora, dende a primeira hora da mañá ata o remate da faena. É un bo xeito de coñecer o duro e sacrificado traballo das mariscadoras.
O terceiro dos actos celebrarase o venres 30 de marzo na Casa da cultura de Redondela as 20:00 horas. Nesta ocasión o acto consistirá nunha charla-coloquio titulada ” Para sair da crise é imprescindible contar coas mulleres”. A charla correrá a cargo de Carmen Cajide Hervés, actualmente deputada autonómica pola provincia de Pontevedra, portavoz de Igualdade e Cooperación e de Laura Seara Sobrado, Ex Secretaria de Estado de Igualdade e actualmente deputada no Congreso pola provincia de Ourense.