O socialista Leonardo Cabaleiro acusou aos populares de deixar sen pagar dende a súa chegada á alcaldía facturas por valor de 200.000 euros. Dende o PP replican que eses cartos investíronse en pagar compromisos adquiridos polo anterior goberno de Xaime Rei.
O socialista Leonardo Cabaleiro asegura que dende a chegada ao goberno local no pasado mes de xuño, o goberno do PP deixou sen pagar 200.000 euros a diferentes provedores. Unhas críticas que se producían no transcurso do pleno extraordinario convocado precisamente para abordar o recoñecemento de facturas non pagadas e que no concello de Redondela ascenden a 587.000 euros. Os populares non negaron o dato, pero aproveitaron para contraatacar recordando que cando chegaron á alcaldía atopáronse con moitas concellerías coa caixa practicamente baleira a pesar de que o bipartito tiña varios servizos contratados e sen pagar para o 2011. O voceiro do PP, Alberto pazos asegurou que o novo goberno “endebedouse para pagar os compromisos adquiridos polo bipartito” e asegurou que cando chegaron á alcaldía a mediados do pasado ano no departamento de Medio Ambiente quedaba tan só o 5% do orzamento anual” e que as concellerías de Ensino, Cultura e Deportes “contaban con tan só 72.000 para o que restaba de ano”.