Todos os equipos de remo da provincia estarán mañá no campo de regatas do paseo de Cardona para participar na sexta proba da temporada, que organiza o Club de Remo de Chapela. A proba dispútase nas categorías femininas de Promesa, Xuvenil e Absoluta, e nas masculinas de Infantil, Cadete, Xuvenil e Absoluta. A cita será a partires das 16.00 horas.
Un ano máis, e xa van dezaseis, o litoral de Chapela acolle a Bandeira Concello de Redondela de Bateis. No campo de regatas do paseo de Cardona máis de 80 embarcacións chegadas dos clubs de toda a provincia competirán polas 7 bandeiras que están en xogo. Esta é a sexta proba da temporada, e ata o de agora son Tirán, Vilaxoán, Samertolameu e os anfitrións de Chapela os equipos que máis están a destacar. Fernando Collazo, presidente do club de Chapela, salienta a importancia desta cita no calendario provincial. É a única proba onde hai unha bandeira para cada categoría, xa que no resto de regatas limítase ás categorías absolutas, ou ó club que acade maior puntuación global. Collazo tamén se amosou confiado en que algunha desas bandeiras “quede na casa” e desexou que os rapaces sexan os protagonistas nunha boa xornada de remo. Desde o Concello de Redondela patrocinan unha vez máis esta proba. Na presentación do acto, tanto o tenente de alcalde, Miguel Ángel Álvarez, como o concelleiro de Deportes, Jesús Crespo, desexaron sorte ás embarcacións de Chapela para a regata de mañá confiando en que fagan “un bo papel”. Ademais Crespo anunciou que o seu departamento dará este ano “un maior pulo” ós deportes náuticos, que serven tamén como escaparate turístico para Redondela.