Os portugueses demostraron unha gran calidade de xogo e culminaron a súa participación no torneo cun 3-2 sobre o equipo vigués. A competición, que comezara o mércores en Santa Mariña, deixou mostra da grande calidade dos equipos lisboetas, xa que os vencedores chegaron á final logo de eliminar ós seus veciños Sporting de Lisboa. En canto á liga oficial de fútbol, só houbo competición na Preferente Autonómica. O Choco gañou en Santa Mariña por 3-1 ó Mondariz.
O S.L. Benfica fíxose co V Torneo Internacional de Redondela de Fútbol 7 Alevín nunha disputada final na que se impuxo ó Celta cun axustado 3-2. Na eliminatoria anterior os gañadores superaran a outro equipo lisboeta, o Sporting de Lisboa, por 3-1, mentres que o Celta chegara á final logo de gañar na tanda de penaltis ó Sporting de Xixón logo do empate 2-2. Os máis pequenos viviron unha auténtica festa futboleira, na que participaron case 800 rapaces.
Preferente Autonómica Sur
Choco 3-1 Mondariz
Os de Jacobo Montes non se renden, e onte conseguiron sumar tres puntos en Santa Mariña ao remontar un partido no que comezaron con mal pé. O Mondariz púxose por diante moi cedo, anotando o primeiro gol do encontro no minuto 8. Pasaron moitos minutos nos que os redondeláns souberon aguantar e non baixar os brazos, porque non foi ata a metade da segunda parte cando chegou o gol do empate. No minuto 67 Óscar Blanco anotou o 1-1 ao aproveitar un centro atrás de Míchel. Seguiron tentando a remontada e conseguírono en moi pouco tempo. No minuto 73 chegou o gol de Yeray, e case sen tempo para reaccionar, dous minutos despois Aitor Gómez definiu nun lanzamento de esquina que sería o 3-1 definitivo. Os redondeláns manteñen así a segunda praza. A próxima fin de semana xogarán no campo do Portonovo, 9º do grupo.