A Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra este venres 13 de abril na Alameda de Talo Río unha campaña informativa que se desenvolverá en horario de mañá e tarde co obxecto de dar a coñecer a oferta educativa dos campus de Santiago, A Coruña e Vigo.
Unha oficina móbil permanecerá durante toda a xornada do venres na Alameda de Talo Río en Arcade para informar aos estudantes que alí se acheguen das probas de acceso á universidade, dar a coñecer a oferta de estudo de cada un dos campus que están integrados no sistema universitario de Galicia e informar ademais sobre os novos plan de estudos de grao postos en marcha coa implantación do Espacio Europeo de Educación Superior (EEES).
Os futuros universitarios que se acheguen a esta oficina móbil, ben en horario de mañá de 11 a 14 ou pola tarde de 16 a 18:00 horas, poderán ademais obter información da oferta de bolsas, axudas e premios da consellería e doutras administracións así como do sistema de residencias existentes nas cidades de Vigo, Coruña e Santiago.
A campaña “Achégate ao sistema universitario de Galicia” está aberta a alumnos, pais, comunidade educativa e público en xeral.