O goberno de Mariano Rajoy anunciou esta semana un novo recorte de 10.000 millóns de euros que afectarán a Sanidade e Educación. Polo de agora non se detallaron as partidas que se van ver afectadas. O executivo descarta o copago, pero advirte de cambios no gasto farmacéutico. Os veciños de Redondela amósanse contrarios a facer axustes nuns servizos que consideran “fundamentais” para a sociedade, e lamentan que unha vez máis sexa a clase traballadora a que pague a crise. Como alternativa propoñen que o Estado aumente os seus ingresos a conta das “grandes fortunas”, as multinacionais e con medidas efectivas “contra a fraude fiscal”.
A mala situación económica e a desconfianza dos mercados levou ó presidente Rajoy a acelerar o seu plan de reformas e axustes. Esta semana anunciou por sorpresa un novo recorte de 10.000 millóns de euros na Sanidade e na Educación. Os partidos da oposición esixíronlle ó goberno que detalle cales serán as partidas que se van ver afectadas, e denuncian a destrución do Estado do Benestar. Radio Redondela saíu á rúa para coñecer a valoración dos veciños, que se amosaron contrarios a estes recortes. A maioría sinala que Sanidade e Educación son os cimentos do Estado do Benestar, e que “non deben tocarse”. É o caso de Daniel, que lamenta que unha vez máis sexan as clases medias e baixas “as que saen prexudicadas”. Outros veciños, como Chelo, recoñece que nalgúns aspectos da Sanidade hai “abusos” que a administración debe “corrixir”, como as visitas innecesarias ós servizos de urxencias. Pero en todo caso entende que non se pode facer pagar ós usuarios polas receitas ou servizos, xa que aos traballadores “xa lles están a descontar do salario por estes servizos”. Algúns cidadáns propoñen que en lugar de recortar nos servizos públicos, o goberno elimine as achegas económicas “aos centros privados e concertados”, tanto sanitarios como educativos. Segundo explica Tonio, deste xeito “habería máis cartos para os centros públicos”. Algúns veciños, como Milagros, están “indignados” cos recortes, lamenta que o goberno estea a “despezar” o Estado do Benestar, e insta ó executivo a recadar máis “das grandes fortunas” e das empresas que defraudan a Facenda. Polo de agora non se coñecen as medidas concretas que van aplicar o goberno, aínda que anunciaron que non se contempla o copago sanitario. A Ministra de Sanidade, Ana Mato, afirmou que se centrarán en facer unha xestión “máis eficaz dos recursos” e eliminar “gastos superfluos”. Desde a Xunta o presidente Feijóo proporá cambios no gasto farmacéutico, e que as receitas se paguen en función da renda. En materia de Educación, fontes do goberno apuntan a posibilidade de aumentar o número máximo de alumnos por aula, e tamén o número de horas lectivas dos mestres. Unhas medidas que para os cidadáns van supoñer “unha perda de calidade no ensino público”. Para María, que é mestra, este anunciou vai agravar aínda máis a precaria situación dos centros públicos. Denuncia que xa hai meses que “non se substitúe ós docentes de baixa médica, ou ós que se xubilan”. Para ela o problema non é que haxa 25 ou 27 alumnos nun aula, senón que eses nenos “non teñan profe”. A súa proposta é que o Ministerio “elimine” os concertos cos centros privados para así ter máis recursos para os colexios públicos. A próxima semana será clave, xa que se reúnen os Consellos Territoriais de Sanidade e Educación. Nesas xuntanzas debateranse as medidas a adoptar para facer fronte ós recortes, xa que son as Comunidades Autónomas as que terán que asumilos, ó ter as competencias transferidas.