Redondela celebra o luns 16 de abril a súa festa local, que ten nos actos relixiosos as súas citas principais coa celebración pola tarde da procesión mías numerosa en canto a número de asistentes das que se celebran na vila. A marcha relixiosa sairá sobre ás 20:30 horas da Igrexa de Santiago o que obrigará a pechar ao tráfico varias rúas do casco urbano. Tamén está prohibido estacionar na Rúa dos Fumeiros.
Os actos relixiosos enmarcados dentro das actividades do Luns do Cristo comezarán ás 9:45 horas con saída da Igrexa Parroquial de Santiago do Viático para darlle a comuñón aos enfermos da parroquia. As doce celebrarase a misa maior e ás 13:00 horas a banda de Música ofrecerá un concerto na Praza de Santiago. Pola tarde terá lugar a procesión do Cristo da Agonía tamén chamado o Cristo dos Navegantes, a máis numerosa das que se celebran na vila. Ás 19:30 horas será a misa e unha hora despois está prevista a saída da procesión que percorrerá as rúas do casco urbano acompañada da banda de música de Redondela, a Banda de Cornetas e tambores Nosa Señora Virxe da Amargura de Ferrol, os membros da Irmandade do Cristo dos Navegantes e representantes da corporación local.