Os pupilos de Fran Teixeira superaron todos os obxectivo marcados. Logo da vitoria diante do Lalín rematan a liga como campións e a próxima semana viaxan a Segovia para xogar a fase de ascenso á División de Honra Prata. O remo tamén deixou boas novas, o C.R. Chapela clasificouse con dúas embarcacións para participar a próxima fin de semana no Campionato Autonómico de Bateis.
Chapela está de festa logo de que o Construcións Paraxe se proclamase vencedor da Liga de 1ª Nacional Masculina do balonmán. Os homes de Fran Teixera superaron as expectativas nunha temporada marcada polas graves lesións de importantes xogadores como Sergio Cid, Rafa Gestido ou Deco. Para o presidente do club, Manuel González Soto, este triunfo é o premio a un ano “de traballo duro” no que recoñece o importante esforzo do adestrador, os xogadores do primeiro equipo, e tamén os do Territorial e Xuvenís, que foron un importante reforzo. Soto salienta tamén o apoio da afección, que nas últimas xornadas “se implicou moito” co equipo, acompañando ó Paraxe Chapela nos seus desprazamentos a Coruña, Pontevedra ou Vigo. Agora asumen o reto de participar na fase de ascenso “cos pés na terra” e co obxectivo de facelo “o mellor posible”. Segovia será a sede do sector de ascenso á División de Honra Prata Masculina. A primeira fase xogarase do 27 ao 29 de abril. Os rivais ós que se enfrontan son duros. Como campión do grupo A, o equipo de Fran Teixeira xogará co conxunto organizador, o Nava (subcampión do grupo D), A Roca (campión do C) e Ereintza de Rentería (subcampión do B). O sistema é de liga a unha soa volta, clasificándose para a fase final os dous primeiros de cada grupo da fase previa. A cita é o 12 e 13 de maio. Os tres primeiros da fase final ascenderán directamente á División de Honra Prata Masculina. Desde o club o presidente sinala que os rivais “serán duros”.No caso de A Roca contan con xogadores que militaron en Asobal, e dominaron totalmente o seu grupo. O Nava, que xoga na casa, tamén conta con vantaxe. Equipo Feminino e Cadetes O éxito do equipo absoluto do Paraxe Chapela non é o único do club. Os motivos de celebración son moitos. O equipo feminino tamén se clasificou para a fase de ascenso estatal, que se disputa entre os días 27 e 29 de abril. As mozas de Chapela xogan no sector A, en Elgoibar, Guipúzcoa. Terán que medirse ás vascas do Tecnifuelle, o equipo cántabro Sagardia, e ó Granollers, de Cataluña. Por outra bando o equipo Cadete clasificouse para xogar o ascenso á División de Honra Liga Galega, co calendario aínda por confirmar. REMO-Campionato Autonómico de Bateis A Pobra do Caramiñal acolle esta fin de semana o Campionato de Galicia e o Trofeo Conde de Fenosa de Bateis. Redondela estará representada polo C.R. Chapela, que se clasificou nas categorías de Promesa Feminino e Xuvenil Masculino nas eliminatorias disputadas en Meira. O Autonómico, onde estarán as mellores embarcacións das zonas norte e sur de Galicia, será a antesala do Campionato de España, que se disputa os días 28 e 29 de abril en augas de Meira.