Unha caravana reconvertida en cine itinerante achegará este domingo ao Peirao de Arcade boa parte das curtametraxes feitas en galego para nenos de entre 6 e 12 anos coa finalidade de promover a nosa lingua entre os máis cativos. Os nenos crearán o seu propio conto que será gravado e poderase ver na Internet. As actividades desenvolveranse dende as 17,00 até as 20,00 horas.
O Concello de Soutomaior e a Secretaría de Política Lingüística organizan este domingo, 22 de abril, no peirao de Arcade o proxecto itinerante “Galego de Cine”. Unha das actividades do programa de dinamización lingüística “Falaredes”, que está a percorrer Galicia coa finalidade de promover o galego entre os máis novos. Unha caravana reconvertida en cine itinerante permitiralle aos cativos ver as mellores curtametraxes feitas en galego e destinadas a un público de entre 6 e 12 anos. Despois das proxeccións os participantes confeccionarán o seu propio conto que será gravado e posteriormente colgado na Internet. Os vídeos entrarán nun concurso, que se realizará ao rematar a xira da caravana. Os mellores recibirán como agasallo o libro “Soldadiño de Chumbo” e un dvd coa película. A actividade, coordinada pola empresa Mr. Misto Films, durará tres horas, desde ás 17,00 até as 20,00. Para participar é preciso inscribirse previamente, xa que o número de prazas está limitado a 60. A inscrición é de balde e pódese facer no Multiusos de Arcade, na biblioteca municipal, no pavillón ou nas oficinas do concello. As actividades de “Falaredes” continuarán o sábado, 28 de abril, no Multiusos de Arcade co “Señor das Dunas”, un contacontos que irá narrando varias historias ao mesmo tempo que un artista gráfico as ilustra.