Tres puntos que supoñen consolidarse na segunda praza do grupo. Ese foi o importante botín do Choco no partido disputado onte co Marín. Os de Jacobo Montes non fixeron o “xogo bonito” doutras ocasións, pero souberon resolver de xeito efectivo o partido. Na Primeira Autonómica o Chapela tamén se impuxo pola mínima no campo do Salvaterra. No remo o C.R. Chapela fíxose coa terceira praza de Promesa Feminina no Campionato Galego de Bateis.
Preferente Autonómica Sur
Choco 1-0 Marín
Sen arriscar, cun xogo práctico e efectivo. Así gañou onte o Choco en Santa Mariña. O seu fútbol non foi tan vistoso como o de outras xornadas, o desgaste do equipo nesta longa liga estase a notar nos xogadores. Con todo souberon resolver o partido e sumar tres puntos vitais para consolidarse na segunda praza para xogar o ascenso. Os de Jacobo Montes dominaron o xogo, aínda que nos primeiros 45 minutos non tiveron demasiadas ocasións de gol. Pero no tempo engadido antes do descanso chegou o gol de Ropero logo dun balón rexeitado polo pau logo dun bo disparo de Aitor Gómez. Na segunda metade o Choco creou algo máis de perigo, pero non estiveron acertados nas varias ocasións de gol que tiveron. O Marín tentou a igualada con balóns longos, pero sen poñer en verdadeiro perigo ós redondeláns. Estes tres puntos supoñen unha vantaxe moi importante para os de Montes, que segue a consolidarse na segunda praza na loita polo ascenso a Terceira División. O domingo visitan o campo do Pontevedra B, na metade baixa da táboa.
Primeira Autonómica
Salvaterra 0-1 Chapela
Importante triunfo do Chapela, que con esta vitoria consegue manterse fóra dos postos de descenso. Os redondeláns gañaron o partido á contra e levaron os tres puntos para Chapela. A próxima xornada reciben a un dos equipos fortes do grupo, o Porriño Industrial.
Segunda Autonómica
Campolameiro 2-0 Arcade
Os de Soutomaior teñen a salvación cada vez máis lonxe logo da derrota en Campolameiro. A próxima fin de semana reciben na casa ó C.Pontevedra, situado na metade do grupo.
Terceira Autonómica
Presqueiras 3-2 Cesantes
O Cesantes non foi quen de superar a un dos equipos máis frouxos do grupo, o Presqueiras, que se impuxo nun encontro moi disputado e con moitos goles. O Cesantes baixou ate a 8ª posición, e a próxima fin de semana recibe ó Cruceiro, 9º.
Soutomaior 4-0 Moaña B
O líder non defraudou e impúxose con autoridade ó filial do Moaña. Lito en dúas ocasións, André e Kalú fixeron os goles. E o domingo terá ocasión de seguir consolidándose no máis alto da táboa, xa que xogan no campo do pechacancelas, o Caroi.
Chapela B 0-4 San Esteban
Os redondeláns non foron quen de parar o xogo do líder, que cada vez está máis preto do ascenso. O San Esteban impuxo o seu xogo, e o Chapela cae á 13ª praza. A próxima fin de semana xogan no campo do Pereiró.
Choco B 3-1 Teis
O filial do Choco foi superior ós vigueses, en parte grazas á súa nova fichaxe, Portu. O derbi resolveuse do lado redondelán, e o Choco B xa é 5º. O domingo xogan no campo do líder, o San Esteban.
At.Vilar 1-2 Miño
O Miño demostrou ser superior no campo do Vilar, malia ser un partido moi disputado. A próxima fin de semana tamén terán un rival difícil, xogan en Sanguiñeda.
Nespereira 4-1 Louredo
Os de Pazos impuxéronse con solvencia diante dun dos equipos máis febles da categoría, o Louredo. O Nespereira, que mantén a 5ª praza, xogará o domingo no campo do Juvenil, 2º do grupo.
Fútbol Sala-Autonómica Sur
Cereixa 5-2 Redondela
Os de Nolichi non puideron cos penúltimos clasificados do grupo, e malia chegar ó descanso con empate 1-1, na segunda metade o Cereixa tivo máis acerto e adiantouse no marcador. Con todo, os redondeláns mantéñense na metade da táboa. A próxima fin de semana descansan, non terán partido de liga xa que será unha xornada na que se disputen os partidos aprazados que quedaron pendentes. O 5 de maio volve a competición na súa recta final, con tan só dúas xornadas pendentes nas que xogarán con Erikrause e o Mobles Andrade.
Remo- Campionato Autonómico de Bateis
O C.R. Chapela fíxose coa terceira praza na categoría Promesa Feminina nunha proba disputada en augas da Pobra do Caramiñal. No XXVII Trofeo Conde de Fenosa, con rango de Campionato de Galicia, Tirán foi o equipo máis destacado da xornada. O club de O Con conseguiu a bandeira en cadetes e absoluto masculino.
Resultados: Promesa (f): 1. Robaleira, 4.29:42; 2. Cabo Cruz, 4.31:76; 3. Chapela, 4.36:18; 4. Ares, 4.40:97; 5. Amegrove, 4.43:48. Xuvenil (f): 1. Ares, 9.28:64; 2. Samertolaméu, 9.39:10; 3. Vilaxoán, 9.49:18; 4. San Felipe, 10.00:28; 5. Vila Cangas, 10.09:44. Absoluta (f): 1. Samertolaméu, 9.10:41; 2. Bueu, 9.19:48; 3. Robaleira, 9.22:76; 4. Vilaxoán, 9.25:96; 5. Cabana Ferrol, 9.36:06. Infantil: 1. Cabana Ferrol, 4.26:72; 2. Tirán, 4.28:58; 3. Mecos, 4.38:43; 4. Robaleira, 4.45:90; 5. Poboa, 4.48:95. Cadete: 1. Tirán, 6.18:17; 2. Cabo Cruz, 6.20:83; 3. Mecos, 6.23:58; 4. Robaleira, 6.31:70; 5. Perillo, 6.37:70. Xuvenil: 1. Cabo Cruz, 8.26:19; 2. Rianxo, 8.26:62; 3. Amegrove, 8.30:36; 4. Tirán, 8.43:40; 5. Ares, 8.49:78. Absoluto: 1. Tirán, 8.10:00; 2. Cabo Cruz, 8.13:88; 3. Amegrove, 8.17:63; 4. Cedeira, 8.21:34; 5. Ares, 8.23:82.