Os clientes poderán degustar por 2’50 euros exquisitos petiscos con nomes tan suxestivos como “cesto de choco con crocante de porro” ou “champiñón recheo con salpicón de choco” acompañado dunha copa de viño e optar a diferentes premios. Unha iniciativa que parte da Asociación de empresarios como antesala a Festa do choco que terá lugar na fin de semana do 12 e 13 de maio.
Un total de 14 establecementos de hostalaría participan desta iniciativa que se vai desenvolver dende o venres 27 de abril ao 5 de maio e que consistirá na elaboración dun pincho especial que o cliente poderá degustar acompañado dun viño a un prezo de 2’50 euros. Por tratarse dunha iniciativa enmarcada na campaña de promoción da festa do choco, moitos deste pinchos estarán elaborados co exquisito cefalópodo da enseada. Así, poderemos degustar croquetas de choco con zamburiñas, brocheta de chocos, chourizo de choco ou champiñóns recheos con salpicón de choco. Os clientes poderán ademais participar no sorteo de diferentes premios como unha fin de semana nun Parador nacional de turismo ou lotes de produtos da Adega Zuazo Gastón. O único requisito para optar a algún destes premios será achegarse cando menos a 8 dos 14 establecementos participantes, onde atoparán unha tarxetas coas que puntuar cada un dos pinchos degustados e participar coas mesmas no sorteo final. Os establecementos cos pinchos máis votados terán tamén premios e diplomas acreditativos.