Colectivos veciñais da parroquia solicitaran ó goberno local a creación dunha comisión para clarexar o acontecido co Centro de Deportes Acuáticos, que segue pechado ó público malia terse rematado hai meses. O pleno da corporación aprobou onte poñela en marcha ao aprobar a petición de AER, que solicitaba nunha moción a súa posta en marcha. O acordo por apoiado por todos os grupos agás o BNG, que se abstivo.
A Agrupación de Electores lembrou na sesión plenaria celebrada onte no Concello que nunha asemblea celebrada o pasado mes de marzo os veciños da parroquia solicitaron ó goberno local a creación da comisión de investigación. O grupo popular sinalou naquel momento que non tiñan previsto poñela en marcha xa que non detectaran “ilegalidades” no proxecto, pero que apoiarían a proposta se algún outro grupo a levaba ó pleno. A luva recolleuna AER, que presentou a moción. O voceiro da agrupación, Jorge Varela, xustificou a necesidade da comisión de investigación polos “ruxe-ruxes” que existen entre a cidadanía, e para clarexar a situación. O resto dos grupos apoiaron a moción agás o BNG, que se abstivo. A voceira nacionalista, Cecilia Pérez, argumentou que a creación dunha comisión de investigación “é competencia do alcalde” . Dixo ademais non entender a necesidade de investigar o proxecto, xa que existe un expediente “que calquera pode ver”. O voceiro dos populares, Alberto Pazos, sinalou que o goberno local non tiña constancia de que houbese “ilegalidades” no proxecto, xa que as terían denunciado no xulgado. Si advertiu Pazos Couñago que existen “irregularidades e irresponsabilidades” por parte do anterior goberno. Por iso apoiaron a creación da comisión de investigación. Para o PSOE facer a investigación será tamén positivo para “despexar as dúbidas que poida haber polo sobrecusto da obra”. Con todo, Luis Orge salientou que o máis importante é “que a piscina se abra ó público”. A comisión de investigación formarase o próximo xoves, 3 de maio, para o que se convocou á xunta de portavoces. Dita comisión contará tamén con representantes dos colectivos veciñais da parroquia. Selección dos bolseiros de turismo O alcalde, Javier Bas, compareceu no pleno celebrado onte a petición do BNG para explicar o resultado da investigación polas probas de selección para os bolseiros de turismo. Unha das candidatas, Natalia Soliño, denunciara coaccións por parte dun membro do tribunal para que non fixese a proba en lingua galega. Bas explicou que o informe elaborado polo Concello de Redondela concluíu que “non hai probas” para corroborar a denuncia da candidata, polo que se decidiu “non anular as probas”. A voceira nacionalista Cecilia Pérez manifestouse “moi crítica” co proceso, e lamentou que o Concello “se posicionase cun bando”. Insistiu en que o BNG “non comparte o resultado da comisión de investigación”, ao crer “firmemente” na palabra da denunciante. O alcalde pediulle á nacionalista “máis responsabilidade” para non danar “a imaxe de Redondela” e insistiu en que o proceso se fixo “con total imparcialidade”.