O Maio Simola, cunha espectacular representación da mascota da vila elaborada a base de fiuncho e cunha estrutura articulada que permitía que abrise a pechase a boca, foi merecedor do primeiro premio na categoría de maio artístico. O xurado recoñeceu o cono presentado polo Maio das Lopas na categoría de maio tradicional así como a retranca contida nas coplas presentadas pola Vella debullando. A mellor interpretación foi para o maio Arre demo.
O mal tempo non desanimou aos centos de veciños que se achegaron ao centro da vila para gozar da festas dos Maios. En total foron 15 os participantes, que concursaron maioritariamente na categoría de maio artísticos, xa que tan só se presentaron catro conos, única forma permitida na categoría tradicional.
A retranca e o bo humor estivo presente nas coplas que os nenos repartían entre os veciños a cambio dunha pequena axuda económica. Houbo críticas e reflexións en torno á política local e ás carencias municipais, pero tamén estiveron presentes nesas coplas temas de actualidade como a cacería do rei e os diferentes escándalos da familia rea ou a difícil situación económica.
E os nenos de Saxamonde, que o luns pasaban polos nosos micrófonos para contarnos o traballo e a ilusión que hai detrás de cada maio, tamén foron merecedores dunha distinción: leváronse o terceiro premio na categoría de maio tradicional.