Hoxe é Domingo 24 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco cumpre con goleada diante do Cruceiro

RR_Noticias

Os de Redondela acadaron o obxectivo de manter a segunda praza do grupo, e que supón unha praza no ascenso a Terceira División. Os de Jacobo Montes foron superiores e tiveron tamén a sorte de cara nun partido no que os do Morrazo puxeron moito empeño. En canto ó remo o Chapela está a liderar a liga de traíñas con triunfos nas dúas probas disputadas esta fin de semana en Cesantes e Bueu.

Preferente Autonómica
Choco 4-1 Cruceiro de Hío
Cumpríronse os prognósticos e os redondeláns impuxéronse ó Hío, ademais por goleada. Dous tantos de Yeray, un de Aitor Gómez e outro de Negro deron o triunfo ó Choco, que mantén así a segunda praza e o posto de ascenso a Terceira División. Os de Jacobo Montes non teñen marxe para erros, xa que o Céltiga séguelle os pasos de preto, a tan só dous puntos. A próxima fin de semana xogarán no campo do Arousa, na 6ª praza do grupo.
Primeira Autonómica
Gondomar 2-1 Chapela
Os de Juan Casales non foron quen de sacar un resultado positivo nun dos campos máis difíciles do grupo, o do Gondomar, que aspira ó ascenso. Os redondeláns fixeron un bo partido, pero os locais foron superiores. O resultado deixa ó Chapela nunha complicada situación a falta dunha xornada ligueira na que está en xogo a permanencia. O último partido da competición será de máxima tensión xa que reciben ó Guardés, que tamén se xoga a categoría.
Segunda Autonómica
Beluso 4-1 Arcade
Faltan aínda catro xornadas de liga, pero os de Soutomaior están practicamente sen opcións reais de salvar a categoría, logo da derrota en Beluso. A próxima xornada reciben en Arcade ó líder, o Caldas.
Terceira Autonómica
Chapela B 3-2 Casablanca
Os redondeláns melloran posicións con este triunfo, aínda que seguen na parte baixa da táboa. O próximo domingo xogan no campo do Santa Mariña.
Choco B 5-1 Pereiró
O Choco mantense entre os equipos máis fortes do grupo logo de golear ó Pereiró. A próxima xornada xogan no campo do Casablanca, da parte baixa da táboa.
At. Vilar 2-2 Vincios
Reparto de puntos para os redondeláns nun partido que xa se advertía moi igualado. Seguen os dous rivais cos mesmos puntos, os mesmos que ten tamén o Atios, próximo rival do Vilar en terras porriñesas.
Nespereira 2-0 Cumiar
O Nespereira mantense na parte alta da táboa logo da vitoria. Na próxima fin de semana xogarán no campo do Vilasobroso, da parte baixa do grupo.
Futbol Sala-Autonómica sur
Redondela 0-2 Erikrause
Os de Nolichi non puideron cos líderes do grupo. O Erikrause foi superior ó equipo local, que logo da derrota queda na metade baixa da táboa cando resta tan só un partido de liga. O F.S. Redondela despedirá o campionato na pista do Mobles Andrade
Remo-Territorial Sur de Traíñas
O C.R. Chapela impúxose na máxima categoría nas dúas probas disputadas esta fin de semana, en augas de Cesantes e Bueu. No caso da regata de Cesantes os de Chapela tamén acadaron a terceira praza nas categorías Xuvenil Masculina e Absoluta Feminina, nas que se impuxeron Amegrove e Bueu, respectivamente. No Trofeo Concello de Bueu, ademais de facerse coa bandeira na máxima categoría foron cuartos en Xuvenil Masculino e quintos en féminas, probas nas que se impuxeron Cabo de Cruz e Tirán. As próximas citas serán en Vilaxoán e Coruxo os vindieros sábado 12 e domingo 13 de maio.
 
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará