Os cativos dos centros escolares serán os primeiros en gozar das actividades enmarcadas na XIII edición do Festival Internacional de títeres “Memorial Juanjo Amoedo” de Redondela que hoxe mesmo levanta o pano. Dende o xoves e ata o domingo o certame ofrecerá unha programación aberta a todo o público con pases de sala e actuacións gratuítas en prazas e rúas.
O festival arranca hoxe coa compañía Viravolta e a obra “O galo Quirico e os seus amigos”, unha propostas para o público infantil da que poderán gozar tan só os escolares que se acheguen ao Multiusos de Chapela as 10:30 e as 12:30 da mañá. Unha programación escolar que mañá estará xa no Multiusos de Redondela coa compañía Baobad e xa o mércores con Tanxarina.
O grupo de titiriteiros de Redondela ofrecerán aos escolares o seu Titiricircus pero tamén será protagonista da especial xornada do xoves. Nesa xornada na que se conmemora o Día das letras galegas, o Festival quere homenaxear tamén ás nosas letras e ao teatro feito en galego e por galegos, polo que todas as obras do xoves, entre elas os Trogloditas de Tanxarina, serán no noso idioma.
En toda a semana pasarán polo noso concello un total de 15 compañías procedentes de lugares tan dispares como Reino Unido, Bulgaria, Dinamarca, Murcia, Cantabria, Madrid, Cataluña e Galicia. Unha festa da diversidade que encherá de novo Redondela de marionetas de fíos, monicreques tradicionais, vangardas creativas, xogos participativos, animación de rúa e unha chea de sorpresas, que nesta edición esperan congregar a máis de 35.000 espectadores.
O director do festival, Luis Crespo destacaba algúns dos espectáculos a non perderse, entre eles o teatro íntimo que nos propoñen as compañías Onírica Mecánica de Murcia e Sofie Krong de Dinamarca, así como a obra dos búlgaros Teatro estatal de Marionetas de Varna.
Dende a organización agradecen especialmente a colaboración dos veciños e comerciantes da vila que colaboran tamén coas sáus achegas económica a dar continuidade ao festival así como o apoio incondicional da Concellería de Cultura. Lamentan pola contra a falta de apoio doutras institucións como a Deputación ou a Xunta de Galicia, que ben por recortes ben por cuestións burocráticas, este ano non aportan cantidade económica algunha a un Festival que é xa todo un referente en Galicia.