Con moi poucas opcións de salvar a categoría, en Arcade xa pensan en “madurar” ó actual equipo na Terceira Autonómica para volver “canto antes” á Segunda. E farano cos xogadores da canteira, esa é a aposta do club, que esta temporada fixo debutar como titulares na categoría a varios xuvenís, algúns de tan só 16 anos. Agora o obxectivo é tentar sumar os seis puntos das dúas xornadas que restan de liga. O próximo partido será no campo do Moraña, xa descendido.
A falta de experiencia fixo que o equipo de Jonathan Álvarez perdera tres puntos de ouro na pasada xornada. A derrota por 3-2 diante do Marín B chegou logo dun penalti e un erro defensivo despois de que os de Arcade chegaran ó descanso gañando por 1-2. Con todo, e malia estar na 16ª posición da táboa, o adestrador amósase “satisfeito” co traballo do equipo, un conxunto de xogadores moi novos, recentemente saídos das categorías inferiores do club, e algúns deles aínda xuvenís de tan só 16 anos. Álvarez teno claro, a aposta do club esta temporada “foi pola canteira”, o obxectivo da entidade era formar un conxunto de xogadores “da casa” e tentar facelo “o mellor posible”. A situación na táboa é complicada, en postos de descenso a tan só dúas xornadas de rematar a liga. De sumar os seis puntos en xogo, e en función dos resultados dos rivais directos, a salvación aínda é “matematicamente posible”, aínda que recoñecen que “pouco probable” segundo os arrastres do resto de categorías. A próxima cita será no campo de Mirallos. Malia a última goleada encaixada polo Moraña, xa descendido, o técnico non se fía, xa que se trata dun rival duro na casa. A liga despedirana no Salgueirón diante do Figueiro, ó que gañaron na ida. Sexa cal sexa o resultado en Arcade seguirán a confiar na canteira, e no caso de descender o obxectivo é seguir traballando “co mesmo bloque de xogadores” e incorporar algúns reforzos, para volver “canto antes” a Segunda Autonómica.