Os nacionalistas solicitan a convocatoria da Comisión Informativa de Medio Ambiente para que na mesma os responsables locais acheguen información sobre o estado das augas nas zonas de baño de Redondela, principalmente na praia de Arealonga en Chapela.
Unha demanda que a voceira do BNG, Cecilia Pérez Orge, fixo chegar ao goberno local logo de que a Axencia Europea emitira un informe no que se recollía que un total de doce zonas de baño costeiras da provincia de Pontevedra, entre eles o areal de Chapela, non superaban os parámetros de calidade que manexa este organismo.
Con todo, o edil responsable de Medio Ambiente, Miguel Angel Alvarez Ballesteros asegurou nos micrófonos da Radio municipal que as análises que manexa tanto a Xunta como o propio concello si avalan a calidade da auga en Chapela, calidade que cualificou de “aceptable”.
Dende o BNG demandan ao edil que dea información detallada ao respecto na Comisión de Medio Ambiente, motivo polo que solicitan a súa convocatoria.