Había aínda unha última esperanza de que o equipo redondelán puidera acadar praza en Terceira División. Para iso tiña que remontar a eliminatoria co Boiro e agardar o ascenso dalgún equipo galego a Segunda B. Pero ningunha das dúas premisas foi posible. Os de Montes quedaron fóra da loita logo de empatar en Santa Mariña por 2-2. Tampouco os coruñeses poderán subir de categoría, xa que nin o Alondras nin o Cerceda conseguiron pasar á última rolda da fase de ascenso.
Quedaban poucas opcións para facerse cunha praza na Terceira División, pero os de Jacobo Montes tentárono. Logo de perder a praza de ascenso directo no último partido de Liga, tiñan a opción da repesca diante do terceiro clasificado da Preferente Norte. Pero a eliminatoria caeu do lado do Boiro, que se impuxo no seu campo no partido de ida por 1-0, e onte en Santa Mariña conseguiu un traballado empate. O Choco non llo puxo fácil, sobre todo na recta final do partido, cando os redondeláns asediaron a portería visitante, pero o bo traballo de Javi evitou que os locais se adiantasen. Os de Boiro tiveron o partido de cara desde o comezo, xa que se adiantaron con gol de Calo no minuto 9 logo dun erro do porteiro local. Pero os de Jacobo Montes non baixaron os brazos e comezaron a crear perigo, con varios lanzamentos á portería rival, que foron rescatados pola defensa do Boiro. Xa na segunda metade Aitor Gómez fixo o empate, pero tan só uns minutos despoiso Finiño volveu adiantar ao seu equipo. No minutio 78 Yeray conseguía a igualada para o Choco, e dominou o partido, pero xa sen tempo para darlle a volta á elimintaria.
Deste xeito os redondeláns quedan sen opcións de ascenso, pero tampouco os de Boiro poderán subir de categoría, xa que para iso era necesario que o Alondras ou o Cerceda gañasen unha praza na Segunda B. Tiñan opcións, pero ambos quedaron eliminados. Agora os despachos son a única posibilidade que queda ao Boiro para cambiar de categoría. Nas últimas semanas fálase de que o Celta pode comprar unha praza para o seu filial na Segunda B, polo que o oco dos celestes ocuparíano os boiristas, de maneira que aínda teñen esperanzas de xogar a próxima tempada na Terceira División.