A xunta de goberno da Deputación de Pontevedra adxudicou hoxe a obra de reforma do pavillón polideportivo municipal de Chapela á empresa Oreco por 429.832 euros e un prazo de execución de tres meses. Ao concurso para executar o traballo presentáronse 42 empresas e a baixa media ofertada foi do 16%. As obras mellorarán as instalacións deportivas e acondicionarán o semisoto como Escola de Música.
O convenio asinado entre Concello e Deputación permitirán facer esta obra encamiñada a subsanar unha serie de deficiencias do polideportivo que impiden a súa utilización de xeito norma. Na remodelación investirase un total de 486.000 euros dos que a Deputación aporta 346.000 e o Concello 140.000 euros. A institución provincial redactou o proxecto, valorado en 21.228 euros, e dirixirá, executará e recibirá a obra. Unha vez rematada, correrá a cargo do concello o mantemento desta infraestrutura deportiva.
A obra suporá unha reforma profunda do Pavillón Polideportivo e incluirá actuacións no interior e no exterior do edificio, mellorando tanto a súa funcionalidade como a imaxe externa. Adaptarase o local do semisoto (de 346 m2) para albergar unha Escola Elemental de Música, dotándoo de aulas e salas convenientemente insonorizadas.
A actuación central no Pavillón Polideportivo será a remodelación da sala multiusos, sede do equipo balonmán Chapela, que se dotará dunha nova tarima, de asentos nas bancandas e dun novo revestimento interior. Tamén se adaptará á normativa de accesibilidade cun aseo para persoas con minusvalía e ramplas que faciliten o acceso.
Para mellorar as condicións de habitabilidade e o aspecto exterior do edificio, trataranse a fachadas aumentando o illamento térmico e a impermeabilidade, así como cun pintado integral do edificio.
Se ata agora no semisoto do edificio se practicaba o baile e a música, agora o espazo será unha verdadeira Escola de Música, coas comodidades e esixencias precisas.