Máis de 200 rapaces de entre 6 e 15 anos terán a oportunidade de participar na nova edición deste certame, no que ademais de fútbol practicarán baloncesto, natación, piragüismo e participarán noutras actividades lúdicas. Será do 9 ao 14 de xullo no campo de fútbol de Santa Mariña, e do 30 de xullo ao 4 de agosto en Arcade. Este ano o campus incorpora a novidade unha sección con adestramentos específicos para porteiros, que estará dirixido por Toño Pana.
O prazo de inscrición está aberto ata a primeira semana de xullo, pero son xa máis de 120 os rapaces inscritos no II Campus Fútbol Cracks, que este verán se vai celebrar en Redondela e Soutomaior. Os participantes, ademais de recibir adestramentos específicos de fútbol, gozarán doutras prácticas deportivas e lúdicas. Baloncesto, fútbol sala, rutas en kaiak e xogos no parque Indiana Bill son outras das propostas. Este ano o “Fútbol Cracks” incorpora como novidade unha sección con adestramentos específicos para porteiros, dirixido por Toño Pana, co que se dá resposta á demanda daqueles rapaces que xogan ó fútbol nesta posición. A presente edición está apadriñada polos futbolistas profesinais Rubén González, xogador do Osasuna, e Denís Suárez, do Manchester City. Os dous futbolistas salientaron a importancia deste tipo de iniciativas, “moi beneficiosas para os rapaces”, xa que poden misturar a práctica do seu deporte favorito con outras actividades lúdicas e facer amigos. Na presentación do campus “Fútbol Cracks” participaron tamén o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, e o concelleiro de Deportes redondelán, Jesús Crespo. Os dous coincidiron en salientar o éxito que tivo nas anteriores edicións, unha iniciativa que valoran como “moi interesante e saudable” para os rapaces, polo que animan ás familias a que participen. Satisfacción O director do campus, Héctor Quijeiro, amosouse moi satisfeito coa boa acollida das actividades, xa que un 97% dos participantes da pasada edición valoraron o campus como una iniciativa “boa ou moi boa”, e 91% aseguran que “repetirán a experiencia”. O prezo do campus é de 55 euros no caso de participar unha semana, e 100 euros para os que asistan as dúas semanas. Os interesados en participar poden facer o ingreso e entregar a ficha de inscrición nas oficinas de Novagalicia Banco de Redondela, Chapela ou Arcade.