A proposta, que partiu da Plataforma pola derrogación da lei de augas, contou co apoio dos grupos da oposición que ao votar conxuntamente en bloque a favor da moción lograron esquivar a negativa do PP. Deste xeito o Concello comprométese a trasladar ao goberno da Xunta a súa petición para que non aplique o canon da auga.
De aplicarse o canon, veríanse afectados os recibos dos veciños que a día de hoxe os veciños pagan á empresa concesionaria Aqualia pero tamén os beneficiarios das comunidades de augas, motivo polo que á Plataforma pola derrogación da lei de augas trasladaba ao pleno un manifesto no que se denuncia o suposto carácter privatizador da lei que suporá segundo denuncian “deixar en mans de empresas privadas un ben público como é auga”. No mesmo sentido se manifestaban os grupos da oposición. O voceiro de AER, Jorge Varela “Chopi” facíao cun contundente “dentro de pouco vannos cobrar incluso polo aire”. Máis concreta era a protavoz do BNG, Cecilia Pérez Orge, quen reincidía no carácter privatizador e recadatorio da norma e criticaba que en ningún caso se recollan medidas de cara a promover o consumo sostible e o uso racional da auga. Aseguran ademais os nacionalistas que a lei, lonxe de recoller a premisa de “que sexa o que máis contamina o que máis paga” penaliza en maior medida o uso doméstico e non o consumo industrial. En sentido semellante se manifestaba Luís Orge. Entenden no PSOE que se trata dunha lei claramente recadatoria que evita falar de medidas de aforro e consumo responsable. O PP rexeitaba os argumentos postos sobre a mesa , e defendía a norma aprobada polos seus homólogos no parlamento galego. O popular Alberto Pazos acusaba aos socialistas de facer un discurso demagóxico “por presentar unha moción nestes termos cando foron eles os que privatizaron a auga en Redondela”. Insistía a voceiro popular en que sen esquecer o servizos indiscutible das comunidades de augas, hai que lembrar que estas son entes privados e que non se fan cargo do custe que supón o tratamento das augas cando estas chegan aos ríos e depuradoras. Con este argumento xustificaba que tamén os seus usuarios fixeran unha pequena achega para garantir o servicio. O posicionamento en contra do PP non evitou que a moción, na que se insta á xunta a derrogar a lei de augas, saíse adiante cos votos a favor dos tres grupos que conforman a oposición