O compromiso da Consellería do Mar de licitar o novo edificio da lonxa de Cesantes “antes de rematar o ano” non convence ao BNG. A formación nacionalista entende que dita licitación debería realizarse de xeito inmediato, tendo en conta que a documentación está elaborada dende hai meses. Por este motivo os deputados do BNG trasladarán ao Parlamento unha serie de preguntas encamiñadas a definir prazos de licitación, adxudicación, inicio e remate da obra.
O edificio terá 680 metros cadrados, e contará con zona de poxas, ventas, oficinas, vestiarios, almacéns, cámaras frigoríficas e outros servizos. Unha obra que contará cun orzamento de 630.000 euros e que terá un prazo de execución duns nove meses a partir da súa licitación, que segundo afirmaba a Conselleira do Mar, Rosa Quintana na súa última visita a Redondela a mediados do pasado mes de xuño, producirase “”antes de rematar o ano”. Unha data inconcreta que fai aventurar que a lonxa non estaría contraída ata setembro do 2013.
Uns prazos que non convencen aos deputados nacionalistas, que critican que a obra non se licite de xeito inmediato tendo en conta que o proxecto está feito dende hai meses. Apuntan dende o grupo parlamentario do BNG que “non é de recibo que si está toda a documentación elaborada haxa que agardar a fin de ano para licitar as obras xa que non hai ningunha razón obxectiva real que sustente este atraso”.
Por este motivo demandan da Xunta información concreta sobre a partida orzamentaria que apoia esta actuación, cal é a previsión das datas de licitación, adxudicación, inicio e remate da obra e cal é a razón de agardar a fin de ano para a súa licitación en vez de facela de xeito inmediato.