Un total de seis agrupacións de diferentes estilos musicais actúan este venres a partir das 21:30 horas na sexta edición do festival Arde Rande que organiza a Asociación Deportiva e Cultural do barrio. As actividades arrancarán xa as cinco da tarde coa presenza de grafiteiros e inchables para os cativos para dar paso ás actuacións de Baldosa Amarilla, Bloquinho Aperta, Liska, Marveltons, SoundsShepard e Meninos Carentes.
Os asistentes aos concerto, que terán lugar baixo a ponte de Rande a partir das 21:30 horas do venres poderán gozar con diferentes estilos musicais que van do reggae, ao indi pop pasando polo funky ou a percusión. As actividades comezarán a media tarde pensando tamén nos mais pequenos da casa. Así, ofrecerase unha tarde de inchables e xogos populares onde os rapaces poderán tamén gozar dos xogos tradicionais. Ao mesmo tempo os grafiteiros realizarán un mural de 12 metros por catro. Un programa de balde que persegue promover a música e a cultural local a través das actividades organizadas dende a Asociación deportiva e Cultural. O festival Arde Rande que se celebra mañá é tan so unha das cinco citas musicais que se promocionan a través dun tríptico editado polo Concello baixo o título “Roteiro Festivaleiro” no que se fai referencia tamén ao Arrastro Rock (21 de xullo en Reboreda), A Noite da Lúa Meiga (o 25 de Agosto no Viso), o Ventorock (3 de Novembro en Ventosela) e o xa celebrado Festival Alternativo Millo Verde dos pasados 1 e 2 de xuño.