Pechado o prazo de inscrición está xa confirmada a presenza dun total de 610 corredores que este domingo participarán na VI edición da carreira semiurbana memorial Juan Crespo, unha actividade organizada pola recén nacida Asociación Deportiva CAR que contará coa presenza de atletas recoñecidos nesta modalidade deportiva como Pedro Nimo, Daniel Bargiela, Alvaro Prieto, Rubén Pereira ou Alberto Bastos entre outros.
Haberá tamén unha importante participación de corredores locais entre os que podemos destacar a Antón Amoedo, Fran de la Iglesia, Andrés Fervenza ou Rubén Darío Pintos e así ata completar os 410 corredores que competirán na categoría de adultos.
A carreira semiurbana partirá ás 10:30 horas do domingo dende o concello para continuar ata Cesantes e regresar ao punto de partida. En total seis quilómetros de percorrido de dificultade baixa o que permite que calquera persoa poida participar e superar o traxecto, que os máis expertos poderán rematar en menos de 20 minutos.
Ademais de ser unha xornada de convivencia e deporte esta cita deportiva serve para homenaxear a Juan Crespo, un dos principais corredores da comarca que cando eran moi poucos os que practicaban o atletismo organizaba estes eventos deportivos para incrementar a afección.