O BNG solicita ao resto dos grupos da corporación que se posicionen en contra das medidas económicas do goberno así como da reforma do réxime local por entender que “non solucionan a falla de financiamento que sofren os concellos galegos”. Tamén reclaman o apoio do Concello para lle demandar ao goberno central a supresión das deputacións e que as súas funcións pasen as administracións locais.
A formación nacionalista critica as medidas económicas e a reforma do réxime local aprobadas polo goberno do PP e que supón “limitar a autonomía dos concellos á hora de xestionar os seus servizos para potenciar o papel das deputacións provinciais”. O obxectivo desta reforma é segundo o BNG “reforzar unha estrutura institucional caduca e sen utilidade, como son as deputacións provinciais, pois as súas funcións, de querer abordar unha reforma do mapa local con racionalidade, poderían ser asumidas polos concellos e pola Xunta de Galicia”.
Critican tamén que na proposta do goberno central se inclúa eliminar concelleiros e concelleiras “cando a súa incidencia no gasto público é ínfima tendo en conta que a maior parte dos cargos electos locais non perciben retribucións por adicación exclusiva” motivo polo que entenden que esa proposta é unha tentativa de eliminación do pluralismo político”.
Aseguran ademais que a redución salarial que afectará aos empregados públicos dos concello non contribuirán á recuperación económica.
Por todo isto, o Bloque presentará no vindeiro pleno municipal unha moción na que solicitan o apoio do resto dos grupos para rexeitar a Reforma de lei de Réxime Local así como a redución no número de concelleiros e os recortes salariais aos empregados públicos.. Reclaman tamén o apoio do resto dos grupos para lle demandar ao Goberno a supresión das deputacións provinciais “pasando as súas funcións a concellos e Xunta o que implicaría “un importante aforro económico e unha eficiencia na xestión”.