A Asociación de empresarios de Redondela amósase claramente en contra da liberalización de horarios comerciais prevista polo goberno central e que supón incrementar de 72 a 90 as horas semanais de apertura e de oito a 10 o mínimo de festivos autorizados o que provocará “un empeoramento na calidade de vida das persoas que desenvolven esta actividade”.
Esta é tan só unha das medidas que ven de aprobar o goberno de Mariano Rajoy e que afectan de cheo aos traballadores do sector comercial, principalmente ao pequeno comercio que conta con menos posibilidades de contratar máis empregados para repartir a nova carga horaria segundo explica a técnica da Asoicació nde empresarios Julia Alonso. Esta é tan só unha das medidas aprobadas a pasada semana e que xunto coa posibilidade de realizar rebaixas en calquera época do ano ou o incremento do IVE, máis van afectar aos comerciantes da vila. Unhas medidas que son cualificadas de “claro retroceso respecto da Lei de Comercio que actualmente estaba en vigor”. Sobre a aplicación do IVE, cuxo incremento impositivo se formalizará a partir do 1 de setembro, aínda haberá que esperar para coñecer se dito incremento se traslada ao consumidor ou é asumido polos propios comerciantes e hostaleiros. Con todo, e pese a difícil situación económica, a Asociación de Empresarios deixa tamén un dato positivo, o feito de que a recesión non estea a afectar tanto ao comercio redondelán como ao resto da provincia. No noso concello o comercio mantense cinco puntos por riba respecto doutras vilas de Pontevedra.