O colectivo de axitación cultural Josefá pasa o relevo a unha nova agrupación que se encargará da organización de diferentes actividades que se van desenvolver entre o 27 de agosto e o 7 de setembro. O novo colectivo, que se deu a coñecer a través de Internet cun curioso vídeo onde se pode ver aos seus integrantes encarapuchados, sairá do anonimato cun acto aberto que terá lugar este xoves ás 21:00 horas na Casa da Torre.
Alegan que unha das razóns polas que se retoma a Mostra Artística coñecida como Arte lixo despois de levar 12 anos sen facerse é “que o problema do lixo segue sen solucionarse”. Por este motivo entre o 27 de agosto e o 7 de setembro desenvolveranse no centro da vila diferentes actividades artísticas como o tradicional Artelixo coa creación de obras a partires de material de refugallo que se exporán por toda a Vila, o “viedeolixo” coa creación de pequenas curtas ou vídeos caseiros cuxa temática xirará en torno ao lixo, o “mercalixo” onde poder dar unha segunda vida aos materiais antes de acabar no lixo e finalmente o “obralixo” onde os nenos e nenas poderán crear obras de arte a partir de materiais de refugallo. E para pechar o programa celebrarase unha das poucas manifestacións que continuaron a se desenvolver nos últimos anos, o lixorock, un concerto no que poden participar todos os grupos ou solistas que desexen subirse ao escenario e sentirse artistas por un día. Todos as persoas interesadas en facer uso da súa creatividade e queiran participar desta nova edición de artelixo poden facelo escribindo ao correo: artelixo2012@yahoo.es