A Agrupación de Electores denuncia que a falta de control por parte do concello tradúcese nunha serie de irregularidades por parte dos hostaleiros da vila quen nalgúns casos pagan por un número de mesas que non se corresponden coas colocadas na realidade e, por outra banda, critican que só se cobre un trimestre do ano, cando habitualmente esas mesas permanecen ocupando a vía pública durante máis tempo.
Dende AER amosan a súa preocupación pola ocupación da vía pública por parte da hostalería e a súa repercusión sobre as arcas do Concello. Apuntan que son numerosos os locais, tanto no casco urbano como en Chapela, que segundo datos da Concellería de interior están a pagar por unha cantidade determinada de mesas, cando na realidade colocan na vía pública un número maior.
Isto tradúcese en que o concello estea a cobrar 8.089,56 € por este concepto e que se corresponderían a 230 meses, cando de cobrar as 326 mesas que realmente se colocan o recadado ascendería a case 11.600 euros. Unha cantidade que se podería duplicar no caso de que estes locais pagasen cando menos dous trimestres, xa que actualmente só se lles reclama o pago dun trimestre.
Insisten dende esta Agrupación que o habitual en definitiva e “pagar por menos mesas das que usas” e que ao final isto tradúcese en “prazas e rúas cheas de cadeiras e mesas apiladas ou encadeadas ao mobiliario urbano”.