A Asociación de Empresarios de Redondela pon en marcha un ano máis este servizo no centro de ocio infantil Indiana Bill. O horario é de 10.00 a 13.30 horas, e permite conciliar a vida familiar e laboral, ao tempo que os máis pequenos poden gozar de actividades lúdicas e tamén formativas.
Dende hoxe e ata o 31 de agosto está aberta a Ludoescola, un servizo totalmente gratuíto para os clientes dos establecementos da Asociación de Empresarios de Redondela. Os usuarios do comercio e hostalaría redondelá poderán solicitar as tarxetas de entrada ao facer as súas compras e entregalas no parque infantil Indiana Bill. Julia Alonso, da Asociación de Empresarios explica que cada entrada “ten validez para un so día” pero que pode empregarse na xornada que o cliente desexe. Este servizo non so achega solucións á clientela dos establecementos da localidade, senón que tamén contribúe a conciliación da vida familiar e laboral dos propios comerciantes e dos seus empregados. Neste caso as entradas á Ludoescola serán válidas para todo o mes, e deberán ser recollidas polo titular do establecemento na Asociación de Empresarios. Alonso explica que o éxito acadado por esta actividade nos últimos anos, cunha media de asistencia de 40 rapaces ó día, levou ó colectivo empresarial a repetila unha vez máis, “facendo un esforzo económico importante” nestes momentos de crise para o pequeno comercio. Para este programa de dinamización contan co apoio da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia.