Desde o 7 e ata o 17 de agosto estará no Multiusos da Xunqueira esta instalación itinerante. Grazas a ela o público de todas as idades poderá coñecer os misterios do universo que nos rodea, as galaxias, as constelacións, o paso das estacións ou as estrelas. O horario é de 10.30 a 13.30 horas.
A actividade consiste en observar e coñecer o ceo a través de diferentes proxeccións dentro dunha gran cúpula inchable instalada no Multiusos da Xunqueira. A través das proxeccións tratarase de fomentar o coñecemento da natureza dende diferentes ópticas e achegar a astronomía e a súa utilidade para a vida cotiá a todo o público, aprender a orientarnos observando o ceo e identificar as principais constelacións. A concelleira de Servizos Sociais, Teresa París, salienta que se trata dunha actividade moi recomendable “para toda a familia”, na que pequenos e maiores poden “aprender cousas e sorprenderse” cos segredos do universo. A actividade é gratuíta e desde o Concello animan a toda a veciñanza a que se achegue cos nenos “a aprender máis sobre a observación do ceo” dun xeito divertido. As proxeccións teñen unha duración de 15 minutos e faranse tres cada día, ás 10.30 horas, 11.30 horas e 12.30 horas, ata encher o aforo (20 persoas). A iniciativa ponse en marcha grazas á colaboración entre a Concellaría de Servizos Sociais e a Obra Social “la Caixa”. Para máis información pódense dirixir ao CIM (Centro de Información ás Mulleres), na rúa Isidoro Queimaliños, núm. 2 , ou chamando ao 986 40 80 43. Tamén nas oficinas de Servizos Sociais e Igualdade de Chapela, nos baixos do Pavillón de Deportes, ou chamando ao 986 45 89 93.