Co obxectivo de evitar incendios forestais, a Concellería de Medio Ambiente está a identificar as propiedades que poidan supoñer un risco para os incendios forestais, e notificando ós seus donos a obriga de mantelas limpas pare evitar lumes. Os que non cumpran coa normativa poden ser sancionados con multas de entre 300 e 6.000 euros.
Desde o pasado mes de xullo un Bando Municipal lembra aos propietarios de fincas a obriga de manter as súas leiras “nas debidas condicións”. Nesta época estival, cando o risco de incendios é maior, a Concellería de Medio Ambiente insiste en que todas as fincas deben estar limpas, “libres de masa vexetal que poida incendiarse” e tamén talar aquelas árbores que son consideras de risco, como eucaliptos e piñeiros, que estean situadas na proximidade das vivendas. O concelleiro, Miguel Ángel Álvarez, explica que existe unha “gran preocupación” no seu departamento, xa que a situación meteorolóxica dos últimos meses “fai máis probable” a chegada dos incendios forestais. Esta situación, unida ó feito de que sexan moitas as propiedades que están en situación de abandono, e cheas de masa vexetal, “multiplica os riscos”. Ante esta situación axentes da Policía Local están a notificar ós propietarios das fincas a obriga de mantelas limpas. Desde o Concello aseguran que se actuará “nos casos nos que sexa necesario” para garantir o cumprimento destas medidas e protexer a seguridade de todos. As multas previstas na normativa oscilan entre os 300 e os 6.000 euros, e poderán ser reiteradas ata que se cumpra coa normativa. Álvarez Ballesteros sinalou que xa foron postas varias sancións no municipio, cunha contía media de 1.500 euros.