Mañá venres celébrase unha xuntanza no Concello para dar a coñecer ós mozos interesados o programa “Concienciación da mocidade europea na conservación dos ríos”. Redondela participa no programa xunto con entidades da República Checa, Serbia e Macedonia. Mozos destes países europeos visitarán a vila en setembro.
Todos aqueles que teñan entre 18 e 30 anos de idade están convidades a participar nunha experiencia solidaria, formativa e activa para a conservación do contorno e a sustentabilidade do medio, xunto con outros mozos e mozas europeos. Desde o Concello de Redondela e a cooperativa Trespés animan á mocidade a formar parte do proxecto, no que poden adquirir novos coñecementos e habilidades, coñecer outros países e tomar contacto con persoas doutros puntos da Unión Europea. O programa “Concienciación da mocidade europea na conservación dos ríos” permitirá aos participantes convivir durante 10 días con mocidade da República Checa, Macedonia e Serbia (do 9 ao 19 de setembro). Os interesados en participar neste proxecto poden asistir o venres, 31 de agosto ás 20.00 horas ao Concello de Redondela para informarse, ou ben a través da páxina web www.redondela.es.